Monday 29 de April de 2024

O Goberno local inviste un millón de euros na humanización da Grela


 

A Xunta de Goberno Local aprobou a reforma integral do Centro Asociativo Domingo García Sabell e as obras de restauración do Xardín de San Carlos, que se executarán en seis meses Ratificouse a construción dun tramo de carril bici entre a avenida Fisterra e A Sardiñeira

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto de reurbanización da rúa Severo Ochoa, na Grela. A súa licitación, que ascende a 951.356,27 euros, inclúe a reordenación e aumento de prazas de
aparcamento, que pasarán a ser en batería, e do tráfico, así como a humanización da vía coa plantación na medianeira de árbores que dotarán de verde á zona e reducirán a contaminación ambiental e sonora. Os traballos enmárcanse dentro da Estratexia EidusCoruña, e estarán financiados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), dentro do eixo de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.
A actuación afectará á marxe dereita da rúa entre o cruzamento con Galileo Galilei e o da rúa Newton e terá unha lonxitude aproximada de 700 metros. Nesta superficie, renovarase o pavimento da beirarrúa e construirase un carril bici bidireccional.Ademais, canalizaranse os pluviais, a iluminación e as comunicacións e reaxustarase a parada de bus, en que se incorporará vexetación, así como un novo
paso peonil e mobiliario.

Outra das infraestruturas que se comezará a construír é o carril bici no perímetro que discorre entre a avenida Fisterra e A Sardiñeira, no polígono da Grela, un proxecto que corresponde á Estratexia EidusCoruña e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixo 12 do POPE.

Por outra banda, na sesión de hoxe acordouse a adxudicación a Imesapi, S.A. do procedemento aberto simplificado para a contratación das obras de restauración do Xardín de San Carlos, que se engloba tamén dentro de Eidus Coruña. O prezo do contrato é de 310.515,52 euros (IVE incluído) e as obras executaranse nun prazo de seis meses a contar desde o día seguinte á firma da acta de comprobación do replanteo.
REFORMA DO CENTRO ASOCIATIVO GARCÍA SABELL
O Goberno local levará a cabo nos próximos meses a reforma integral do Centro Asociativo Domingo García Sabell, que está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexonal (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Cun orzamento de 622.669,47 euros (IVE incluído), a actuación consistirá na redistribución completa do inmoble xa que a actual disposición de espazos non facilita os novos usos que pretenden implantar no edificio. Deste xeito, haberá catro locais independentes, con accesos e instalacións individualizados co fin de que funcione cada un deles de maneira autónoma, sen a necesidade de dotalos de servizos comúns. Paralelamente, realizarase unha reforma integral de cara a mellorar as condicións de salubridade e habitabilidade, posto que ao se situar nunha planta semisótana, existe una franxa posterior de estancias, en contacto co terreo, que non dispoñen de ventilación natural.
Canto a obras, acordouse o outogarmento de licenzas para contruír dous edificios nas parcelas Z-32 y Z-33, dentro do sector 10 do Parque Ofimático. Haberá un total de 70 vivendas en cada un dos bloques mais os locais comerciais cun orzamento de 14 millóns de euros para a súa execución material. Ademais, abordouse a convocatoria de subvencións municipais dirixidas ao sector do taxi.
No referente a asuntos sociais, as/os representantes do concello sacaron adiante o convenio de colaboración entre o concello e a Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos para o financiamento de gastos de mantemento do servizo “Calor e Café”.
Este programa diríxese a persoas que pasan a noite no refuxio da entidade e nel inclúense tamén os gastos de seguridade e vixilancia das instalacións dentro deste servizo e durante este ano. Así mesmo, ratificouse a convocatoria de axudas Bonotaxi para o transporte en taxi de persoas con discapacidade.
Desde Urbanismo deron conta á Xunta de Goberno Local das 35 licenzas urbanísticas outorgadas entre o 22 de abril e o 10 de maio e que xunto ás 46 obras en réxime de comunicado autorizadas, ás 10 actividades en réxime de comunicación previa; ás 6, en réxime de declaración responsable, e a 5 trámites
máis relacionados con prórrogas, proxectos de execución e desistimentos, fan un total de 102 expedientes executados neste período.
Por último, ratificouse a Operación EDUSI LA9-Op9.1, denominada “Portal da mobilidade urbana”, financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixo 12 do POPE cun coeficiente de cofinanciamento do 80%.